Saturday 20 de April de 2024

O Concello de Lousame celebrará o seu Festival de Entroido o domingo 19 de febreiro no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra


Haberá obradoiros, xogos, inchables e degustación de chocolate con churros, orellas e filloas. Inscricións de balde en bandoticket

 

A festa estará amenizada polos cantantes das orquestras máis recoñecidas de Galicia

 

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá o vindeiro domingo 19 de febreiro o tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame, que se desenvolverá entre as 16:30 e as 20:00 horas. Un festival que este ano estará amenizado pola música en directo da man dos cantantes das orquestras máis recoñecidas de Galicia: Óliver Escobar, da París de Noia; Néstor Peña, da Olimpus; e Diego Moreira, da Panorama.

 

Un festival que mantén o exitoso modelo dos últimos seis anos, polo que non haberá concurso de disfraces, que pasará a converterse nun divertido desfile de disfraces. “Queremos que sexa unha actividade para desfrutar en familia. Que a xente veña a divertirse e desfrutar do festival sen andar pendentes dos cartos que hai que gastar no disfrace para o concurso”, apunta a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.

 

O Festival de Entroido de Lousame ofrecerá xogos, inchables e obradoiros de Entroido para os máis pequenos da casa, así como degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate con churros para todas as persoas que asistan. Ademais, haberá caramelos para todos os nenos e nenas que asistan disfrazados.

 

As familias que desexen participar deberán inscribirse gratuitamente en bandoticket.com. Para facilitar o acceso, o Concello de Lousame vai empregar o mesmo sistema empregado no Festival de Reis e nos campamentos dos últimos anos: dirección única con entrada pola Fonte do Redullo e saída polo CPI Cernadas de Castro. Deste xeito, os pequenos poden quedar na festa mentres a persoa adulta aparca nunha das tres zonas dispoñibles na contorna: entrada do colexio, no campo vello de fútbol de Cruído ou na propia subida do Redullo (no carril dereito).